Vaia troula
Desde a Romaría Viquinga de Catoira
O domingo pola noite "Vaia Troula" viaxa ata Catoira para ofrecer un programa moi especial desde a espectacular Romaría Vikinga deste concello. E, como sempre, as reporteiras do programa, Belén Vara, Ariadna Leis e Belén Rivero, seguirán percorrendo toda Galicia na procura das mellores celebracións da fin de semana. Entre outras moitas, estarán na divertida Festa Hortera de Porto do Son e na tradicional festa da Carballeira de Zas. Este domingo pola noite “Vaia Troula” vivirá cos espectadores da Televisión de Galicia o emocionante desembarco vikingo de Catoira. A presentadora Nieves Rodríguez estará nunha romaría á que acoden milleiros de persoas. Esta festa, que conta coa declaración de Interese Turístico Internacional, é unha das citas ineludibles do verán galego.A reporteira Belén Vara asistirá, a noite anterior ao desembarco, á gran cea vikinga que rematará cun incrible espectáculo de luz e cor nos arredores das famosas Torres de Oeste de Catoira. Pola súa banda Ariadna Leis pasará unha inesquecible xornada na festa da Carballeira de Zas. Trátase dunha celebración cargada de música do país, comida e actividades para toda a familia. Tamén Belén Rivero será unha máis na Festa Hortera de Porto do Son. Charangas, carreiras de tacóns, "playbacks" e, como non, as vestimentas máis estrafalarias serán as protagonistas desta divertidísima xolda.Ademais, as cámaras de "Vaia Troula" tamén estarán presentes na romaría de San Fins de Cabeiras, en Arbo; na festa de San Isidro de Quintáns, en Muxía, e na exaltación do mexillón de Rianxo.As romarías de San Fins de Castro, en Cabana de Bergantiños; as festas de Estramil, no concello da Laracha, e os festexos do Carme de Lorbé, en Oleiros, completan o menú trouleiro do programa deste domingo. E para que non falte de nada, "Vaia Troula" ofrecerá a actuación da orquestra Acordes.