Vaia troula
Desde a Festa Normanda de Foz
A presentadora Nieves Rodríguez estará no concello lugués de Foz, onde celebran a oitava edición da Festa Normanda. Alí, na praia de Tupide, terá lugar un incrible desembarco e unha divertida loita entre focegos e normandos, tamén haberá xogos para toda a familia e música tradicional durante toda a xornada. Pola súa parte, a reporteira Ariadna Leis irá ata o concello de Palas de Rei para vivir en primeira persoa o “Son D´Aldea”, que recrea a vida no rural dos nosos avós a través dun fermoso percorrido teatral. Ademais, Belén Vara achegarase ata o concello pontevedrés de Tui, onde todos os veciños da parroquia de Caldelas celebran a Virxe da Rocha cun día dedicado á empanada, e Antía Muíños viaxará a Culleredo para gozar da gran sardiñada organizada polos veciños da parroquia de Castro e Laxe, a onde acoden cada ano milleiros de persoas. As cámaras de “Vaia Troula” tamén estarán presentes na Festa da Virxe da Grela de Codeseda, na Estrada; na Exaltación do Porco ao Espeto do Esto, en Cabana de Bergantiños; no San Roque das Travesas, en Carral, e na celebración de San Ramón de Serres, en Muros.
A Feira do Románico de Negreira, a Festa de San Ramón de Sillobre, en Fene, e as xornadas gastronómicas “Azul de Portosín”, en Porto do Son, completarán o menú trouleiro do programa deste domingo.