De quen vés sendo?
Deportes e xogos populares
O espazo “De quen vés sendo?” percorrerá este domingo Galicia para mergullarse nos nomes que agochan as principais modalidades deportivas e xogos populares. Os espectadores do programa descubrirán que para triunfar neste ámbito, ás veces é preciso ter un nome peculiar que diferencia a un do resto de xogadores.
A presentadora, Marta Doviro, comezará a súa viaxe en Abegondo, preto de onde se adestra o Deportivo. Alí, coñecerá a Lendoiro e a Mouriño, dous integrantes dunha peña deportivista que saben ben da importancia do seu apelido. Amais, “De que vés sendo?” pescudará a orixe dos alcuños de xogadores como Dani e Javi Chinchón, do Clube Deportivo Foz, ou Churre, capitán do Celta B, así como coñecerá outros tantos nomes que abondan no fútbol de Terceira.
Ademais, neste capítulo amosarase como nos xogos populares tamén hai moito nome propio. Marta Doviro aprenderá dos alumnos do CEIP Mosteiro de Caveiro que a ra e a porca non son só animais, senón uns xogos moi divertidos. Así mesmo, achegarase ata Melide para descubrir os segredos do tirapedras da man de Manolo Charrancas. A viaxe rematará en Santiago, onde a presentadora probará a súa puntería xogando á chave axudada por José Puente.
Neste espazo da Galega dedicado aos alcumes no mundo do deporte non poderían faltar todos aqueles que os comentaristas deportivos da Televisión de Galicia teñen escoitado ao longo das súas carreiras. Para rematar, os espectadores verán a destreza dunha Peón bailando a buxaina e aprenderán os nomes agochados nun xogo tradicional que aspira a converterse en deporte nacional: a billarda.