Zigzag diario
David Rubín / Carlos López / "Os televisores estrábicos"
O programa “ZigZag Diario” recibirá hoxe a visita do ilustrador ourensán David Rubín, que acaba de ser elixido como o mellor debuxante do ano polos críticos especializados pola súa novela gráfica “Beowulf”, coa que pon ao día o mito que durante máis de mil anos inspirou xeracións de autores a partir do poemario do mesmo título, obra fundacional da literatura anglosaxoa.
Sen deixar de lado o eido da ilustración, o espazo da tvG2 conversará con Carlos López, a metade de Pinto & Chinto, un dúo de humoristas gráficos que comezaron a colaborar en 1993 e que hoxe en día son a principal referencia da caricatura política en Galicia.
Ademais, “ZigZag Diario” presentará o libro “Os televisores estrábicos”, de Ramón Vilar Landeira, unha colección de relatos sobre persoas que intentan vivir de pé mentres todo se esfarela nun contexto de crise, non só económica. Todos eles teñen en común a loita radicalmente optimista por sobrevivir a un tempo de desesperanza.