Bamboleo
Programa 82
Este sábado o programa “Bamboleo” ofreceralles aos espectadores da Televisión de Galicia unha nova velada de espectáculo e entretemento familiar, coa música de David Civera, un cantante que, con máis de 10 anos de carreira discográfica, rememora no seu último disco os seus comezos no mundo da música.
Presentado por Xosé Manuel Piñeiro e cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o “Bamboleo” desta noite contará tamén coa actuación da cantante María do Ceo, de orixe portuguesa pero galega de adopción, unha das intérpretes máis recoñecidas internacionalmente, que ten sempre o fado como inspiración tradicional. Ademais, o programa armará a festa coa axuda da orquestra Armonía Show.
Esta nova edición de “Bamboleo” ofrecerá tamén as seccións habituais do programa, entre as que destacan “Agora ou Nunca”, onde medirán as súas voces María Lamas, co tema “Amor de San Juan”, de Niña Pastori; e Alejandro Romero, que cantará “Tu primera vez”, de Noche de Brujas.
En “Canción dedicada”, María e Jesús, de Santiago, contarán a súa historia sentimental. Ademais, en “A ITV do amor”, o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas infalibles, e parellas de distintas xeracións bailarán na sección “Dirtidansi”.