Galicia percorre sendeiros
Courel "Devesa da Rogueira" - Ruta dos Muíños no monte Segade - Taboada
O programa “GPS: Galicia Percorre Sendeiros” propónnos tres fermosas rutas que teñen como denominador común a súa situación na provincia de Lugo. En primeiro lugar, a Serra do Courel, que, cunha extensión de 21.000 hectáreas, é xeoloxicamente a máis completa das serras galegas. Alternan nela fondos vales e cumios que superan os 1.500 metros de altitude. Desde a parroquia de Seoane, en Folgoso do Courel, o equipo do programa ascende, na compaña dun grupo de sendeiristas procedentes de distintas comarcas galegas, ata o Alto de Formigueiros e volve pola Devesa da Rogueira, o o espazo natural máis importante da Serra do Courel. A súa diversidade arbórea, animal e xeolóxica, xunto coa riqueza etnográfica, fan deste enclave unha das marabillas da zona.
A continuación, viaxa ata Lugo, máis concretamente ao Monte Segade para percorrer a Ruta dos Muíños, que discorre polo leito do río Mera, afluente do Miño. A só dous quilómetros do núcleo urbano de Lugo, o Monte Segade foi desde antano un lugar de recreo e contacto coa natureza dos lucenses. Esta ruta denomínase así porque ata hai pouco os muíños foron moi importantes para a cidade de Lugo, xa que contribuían a abastecela de fariña.
O programa remata cunha ruta a cabalo en Taboada, cuxas chairas constitúen unha contorna privilexiada para este tipo de percorrido. Pasear polos curros, as carballeiras e os bosques de castiñeiros é sempre unha grata experiencia, pero compartilo cun cabalo tendo a ollada a unha altura de dous metros e medio supón un interesante cambio de perspectiva. As cámaras estarán na parroquia de San Lourenzo de Gondulfe e visitarán tamén as aldeas de Serén e Bemil.