Bamboleo
Con Raúl, A Banda da Balbina, Los Claretes e a orquestra Trébol
O programa “Bamboleo” ofreceralles hoxe aos espectadores da Televisión de Galicia unha nova velada de espectáculo e entretemento familiar, nesta ocasión coa música do cantante alavés Raúl, que se deu a coñecer no ano 2000 coa canción “Sueño su boca”. O seu último disco, “Contra marea”, co que pretende amosar os recunchos da súa alma, lembra o vivido desde entón e pretende navegar por unha corrente contraria á xa coñecida, pero sen esquecer os que seguen a estrañar os seus primeiros éxitos.
O musical presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá este sábado a visita de A Banda da Balbina, que desde os seus inicios mantén unha proposta que mestura ritmo e melodía coa musicalidade da lingua galega. A constante das súas cancións son uns ritmos festeiros e unha retranca propios do país.
Ademais, este sábado pasarán polo escenario de “Bamboleo” a orquestra Trébol e o grupo coruñés de rock Los Claretes, que lle rende tributo a grandes bandas como Rolling Stones, The Beatles e Led Zeppelin e artistas como Bruce Springsteen e David Bowie.