Bamboleo
Programa 93
O espectáculo e o entretemento familiar serán protagonistas un sábado máis na TVG co programa “Bamboleo”, que recibirá hoxe a visita da cantante gaditana Merche. Os seus discos de ouro e de platino e unha candidatura ao Grammy Latino acreditan o recoñecemento público a unha figura que medra disco a disco, canción a canción, para completar o retrato dunha artista chea de personalidade e naturalidade. A artista interpretará temas do seu novo disco, titulado “Quiero contarte”.
O programa tamén contará coa presenza no escenario do cantautor coruñés Hugo Torreiro, un dos artistas máis emprendedores da música galega. Con só 22 anos, xa publicou dous discos e ofreceu centos de concertos por toda Galicia. En solitario, acompañado dunha banda ou xunto á súa parella, a tamén cantante Yhadira, compón e interpreta cancións que falan do amor, a amizade e os temas sociais.
Presentado por Xosé Manuel Piñeiro e cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o “Bamboleo” desta noite contará tamén coa actuación da orquestra La Fórmula.
Por outro lado, nas seccións habituais do programa, “Agora ou Nunca” amosará o potencial artístico de Mery Fernández, co tema “Chandelier”, de Sia; e de Emilio Oitabén, que interpretará “Historia de un amor”, de Luis Miguel. En “Canción dedicada”, Lola e Augusto, da Cañiza, contarán a súa historia sentimental; mentres na “ITV do amor”, o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas.
Ademais, persoas do público competirán cantando con karaoke en “A Jrileira”; os colaboradores do programa afrontarán os retos máis difíciles en “O tempo xusto”; e parellas de distintas xeracións bailarán na sección “Dirtidansi”.