Bamboleo
Programa 92
O espectáculo e o entretemento familiar serán protagonistas un sábado máis na TVG co programa “Bamboleo”, que recibirá hoxe a visita da cantante María do Ceo, de orixe portuguesa pero galega de adopción, unha das intérpretes máis recoñecidas internacionalmente, que ten sempre o fado como inspiración tradicional. A considerada sucesora de Amalia Rodrigues acaba de presentar o disco número once da súa carreira, que leva por título “Soños Cumpridos”.
O programa tamén contará coa presenza no escenario do cantante venezolano, asentado nas Canarias, Ricky Furiati, cuxo estilo mestura o pop rock con ritmos latinos, bases bailables e elementos da música urbana.
Presentado por Xosé Manuel Piñeiro e cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o “Bamboleo” desta noite contará tamén coas actuacións da orquestra Miramar e de Javi Maneiro, que, despois de triunfar con Herdeiros da Crus e de formar o grupo Jabon Blue, proba sorte en solitario cun novo traballo e un novo vídeo musical que xa é todo un éxito nas redes.
Por outro lado, nas seccións habituais do programa, “Agora ou Nunca”, amosará o potencial artístico de Fátima Lea, co tema “Marinero de luces”, de Isabel Pantoja; e de Javier Vidal, que interpretará “Cartas amarillas”, de Nino Bravo. En “Canción dedicada”, Pilar e Plácido, de Foz, contarán a súa historia sentimental; mentres na “ITV do amor”, o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas.
Ademais, persoas do público competirán cantando con karaoke en “A Jrileira”; os colaboradores do programa afrontarán os retos máis difíciles en “O tempo xusto”; e parellas de distintas xeracións bailarán na sección “Dirtidansi”.