Vivir aquí
Cociña de toda a vida
De norte a sur e de este a oeste, os reporteiros do programa percorren as catro provincias galegas para coñecer relatos de toda unha vida á fronte dos fogóns, de persoas e sagas familiares cunha dedicación especial á cociña ao longo da súa traxectoria vital.
Esta viaxe de “Vivir Aquí” ten parada na localidade coruñesa de Carral, onde se atopa o Mesón de Hervés, en cuxa cociña se reúnen dúas xeracións de cociñeiros; e no restaurante España da capital lucense, que xa fixo medio século en plena ascensión.
O espazo da Televisión de Galicia tamén entra nas cociñas do restaurante Lusitano, na localidade ourensá de Lobios, situado en plena serra do Xurés e coa caza maior como especialidade; e de El Mosquito, un clásico da gastronomía viguesa desde os anos 30, cuns inicios como típica taberna mariñeira.
Ademais deste catro establecementos, premiados dentro do apartado “Toda unha vida”, recibiu un galardón pola súa innovación e investigación dos produtos galegos o restaurante compostelán Acio, a cargo de Iago Castrillón, considerado un dos mellores chefs españois do panorama actual. “Vivir Aquí” degusta a súa cociña persoal, creativa e innovadora, pero sempre baseada nos sabores puros e nas materias primas de calidade.