CRTVG

Buscar

Eirado

Carvalho Calero e a cultura da morte en Galicia

30/10/2010

No día en que se cumpren os cen anos do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, o programa "Eirado" achegarase á figura do escritor, considerado como o gran pensador do reintegracionismo. O espazo da tvG2 fará unha semblanza deste literato, centrándose no seu traballo como escritor e como estudoso da lingua.

Para falar de Carvalho Calero, o programa contará esta noite coa presenza no plató dunha das súas fillas, Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia da Arte na Universidade de Vigo, que foi galardoada co Premio Galicia de Investigación, en recoñecemento á súa longa traxectoria investigadora.

Na sección dedicada aos libros, falarase da "Guía ilustrada da Galicia invisible", de Antonio Reigosa, unha obra que serve como guía práctica para viaxar por un cento de lugares onde fan vida xente anfibias e outros seres capaces de circular entre o mundo tanxible e o intanxible. O libro percorre esa Galicia que non se ve, inzada de reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños e montes.

No tempo dedicado ao cine, será protagonista a Seminci de Valladolid, onde se produciu a estrea da nova película de Icíar Bollaín, "También la lluvia". "Eirado" falará tamén da presentación no certame das películas galegas "Retornos" e "A Tropa de trapo".

Por outro lado, en vésperas do día de defuntos, o presentador do programa, Pemón Bouzas, entrevistará ao etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo, quen falará da cultura e todo o que rodea a morte en Galicia.

Ademais, "Eirado" visitará en Friol o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, unha edificación de orixe descoñecida reconstruída no século XVI e que agora se utiliza como museo, onde destacan as súas seccións de Etnografía e Armería. O programa despedirase como sempre con música, neste caso coa cantante de fados galega Maribel López.

Atopar capítulo por: