CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Carlos López / Xermán Refojo / Alejandro Vargas / Heredeiros da Crus / Cupeiro&Yukhnevich / Marcos Mella / "Unary"

24/05/2015 00:45 h

O presentador do programa “ZigZag-Eirado”, Tino Santiago, conversará hoxe co director artístico e coordinador musical do Ciclo 1906 de Jazz, Carlos López. O certame, que comezou a súa oitava edición no mes de marzo en Santiago, organiza durante tres meses medio cento de concertos en 12 cidades españolas, coa presenza de artistas como Dave Douglas, Kenny Garrett ou Brad Mehdan, entre outros. Esta cita imprescindible para os amantes deste xénero musical estenderase ata o Maratón de Jazz do 19 de xuño na compostelá praza da Quintana.

Por outro lado, o espazo da tvG2 visitará en Lugo o estudio do pintor Xermán Refojo, que realiza collaxe e técnica mixta, nunha viaxe á nostalxia. O seu universo creativo remite a un imaxinario en que a cor nos une á terra e, con anacos de fotografías, o artista introduce o espectador no seu mundo familiar e de lembranzas. Unha amálgama de sensacións evocadoras coas que combina pasado e presente de xeito amable e moi expresivo.

No tempo dedicado á música, “ZigZag-Eirado” falará do pianista cubano, afincado en Galicia, Alejandro Vargas; de Herdeiros da Crus, que, dous anos despois da súa volta aos escenarios, debutan no mundo do single con “Buscando a SuperFama”, que aspira a converterse na canción do verán en Galicia; e de Cupeiro&Yukhnevich, un músico galego e outro ucraíno unidos pola busca de novas sonoridades que afunden as súas raíces no jazz e nas músicas populares europeas.

Os espectadores tamén coñecerán esta noite o cantautor ferrolán Marcos Mella, un autodidacta e emprendedor artista que produce os seus propios traballos. As relacións sociais ou as vivencias propias son argumentos dunhas cancións coas que Marcos exerceu como abreconcertos de artistas como Tontxu, Mikel Erentxun ou o grupo La Guardia.

Na sección cinematográfica, ademais de darlle un repaso ás estreas de carteleira, o programa falará da última curtametraxe dirixida por Luís Avilés: “Unary”, que ten como punto de partida o primeiro día de liberdade, tras 21 anos en prisión, de Lucas, interpretado por Antonio Durán “Morris”, que debe comezar de cero e iniciar unha nova vida fóra do cárcere que lle arrebatou a súa vida anterior.

Atopar capítulo por: