Pazo de Familia
Capítulo 8
Emilio ve un home sospeitoso que parece vixiar a Sofía Salgado. Pode tratarse do seu agresor, así que o director de O Universal non dubida en enfrontarse a el. Emilio chama o comisario e ameaza con sacar en primeira plana do xornal que a policía está detrás do acoso á empresaria. Pero Sofía tamén sabe usar as súas armas. Coñecedora de que don César está detrás de todo e que lle ten declarada a guerra, non dubida en empregar a calquera persoa ao seu alcance, incluíndo o propio Emilio, cada vez máis seguro dos seus sentimentos por ela.
A chegada desde Londres de Lorena, a moza de Daniel, sentoulle como unha xerra de auga fría a Claudia. Ademais, aconteceu xusto no momento en que pensaba dicirlle ao seu compañeiro que para ela é algo máis ca un compañeiro. As dúbidas parece que as ten todas Daniel e é a el a quen lle corresponde decidir.
Sara vai cociñar á casa dunha amiga dos Pardo Veiga. Non pode imaxinar que algo que verá alí provocará que a muller acuse a dona Leonor de terlle roubado un broche. Pero este escándalo non é o único que acontece no servizo doméstico. Rita, chea de celos de Mónica e do seu achegamento a Nino, comeza coa señorita unha pelexa en que leva todas as de perder.
Confiada de gañar, pero unha quiniela, está Marisiña, que quere os cartos para montar un refinado restaurante. En troques de coñecementos futbolísticos, conta coa axuda de San Pedro, San Bieito e San Pancracio.