CRTVG

Buscar

O explorador

Programa 6: A arañeira nazi

30/05/2014 00:15 h

No programa “O Explorador” da TVG investigará un dos episodios máis escuros e intrigantes da historia recente do país: que aconteceu en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial? 

De 1939 a 1945, Galicia estivo en guerra. As probas fican nas misteriosas fotos dun desfile da Wehrmacht e a Luftwaffe, o exército de Hitler, polas rúas de Vigo. Que facía na cidade olívica o exército que pretendía esmagar o mundo na Segunda Guerra Mundial? Gardou o Terceiro Reich algún segredo na nosa terra? Foi Galicia neutral no conflito?

Así arranca unha apaixonante investigación que levará “O Explorador” ata as bases de submarinos nos portos galegos; o complexo de comunicacións Sonne, na Terra Chá; os espías aliados e nazis que operaban no país, as Schindlers galegas que salvaron centos de xudeus; os republicanos que morreron nos campos de exterminio; a importancia estratéxica das minas de Volframio, e a rede de intereses e sociedades tapadeira nazis que sobreviviron á contenda.

Todo isto levará a Sergio Zearreta a un plan secreto, deseñado por Washington e Londres, para desembarcar na costa galega e ocupar o país. Puido ser Galicia a Normandía do Día D? Que plans había para unha invasión desde a praia ferrolá de Doniños? Que importancia tiñan os intereses nazis? Por que os aliados desbotaron o seu plan? Todas as claves, os segredos, as pegadas da historia e os misterios sen resolver sobre o papel de Galicia no conflito agóchanse neste novo capítulo de “O Explorador”.

Atopar capítulo por: