Matalobos
Capítulo 58: "Causa aberta"
Na Sardiñeira xa ninguén está seguro de ninguén debido á causa aberta contra Adriana Calderón, que está a negociar co capitán e coa xuíza a quen se leva por diante, a cambio da súa seguridade como testemuña protexida, nun novo escenario de loitas de poder, incómodo tanto para o clan dos Matalobos coma para os Veloso, posto que a comandancia os ten a todos baixo vixilancia. Namentres, na que era a casa de Adriana, o “limpador” enviado polo cártel colombiano, Beltrán, un dos máis sanguinarios, mantén unha reunión cos dous clans da Sardiñeira para poñer prezo á cabeza de Adriana e para que o gañador se quede co negocio. O primeiro en levar a dianteira vai ser Carmelo, que contrata a Russo para que se infiltre nos xulgados e teña a tiro a Adriana; pero tampouco Vanessa se quedará atrás, xa que, ante a detención de Veloso, intentará negociar co novo xefe colombiano e xogar as súas cartas.
Pero no posto da Sardiñeira comezan tamén a verse outras loitas de poder, pois as cuestións persoais dalgúns implicados están influíndo de maneira negativa nos operativos, como son os casos da obsesión de Cartelle pola tenente Seixas e o afán de protagonismo da fiscal Mosteiro, que non dubida en implicar a prensa para obter beneficiosos titulares.