CRTVG

Buscar

O explorador

Programa 5: Cervantes revisitado

23/05/2014

A TVG ofrece unha nova edición do programa “O Explorador”, que nesta ocasión intentará botar luz sobre unha polémica que, 400 anos despois do pasamento do “Príncipe dos enxeños”, aínda segue viva: naceu Miguel de Cervantes Saavedra en Alcalá de Henares ou o seu berce fica máis ao norte?

Despois da Biblia, “O Quixote” é o libro máis editado e traducido da historia. Pero un manto de sombras percorre a vida do seu autor. Aínda hoxe non se sabe con certeza onde naceu, nin cando. Tampouco está claro se a súa imaxe é a dos retratos coñecidos e onde está soterrado. Ademais, os escasos documentos históricos referidos á súa persoa mudan o lugar de nacemento.

No concello de Alcalá, “O Explorador” consultará a partida de bautismo de Cervantes, que moitos investigadores cuestionan, e coñecerá que as dúas historias oficiais de Alcalá, que chegan ata o século XVIII, nin mencionan o autor de “O Quixote”. Nas súas pescudas tamén descubrirá que na comarca de Seabra existe unha aldea chamada Cervantes, onde os naturais do lugar sitúan a casa do “escritor que inventou as letras españolas”. E topará con estudosos que aseguran que as aventuras de Don Quixote e Sancho Panza transcorreron en realidade por terras seabresas e non na Mancha. Naquel tempo, a comarca de Sanabria pertencía ao vello Reino de Galicia. Polo tanto, podería ser Cervantes considerado un galego da época?

Sergio Zearreta rematará a súa investigación nos Ancares galegos, onde descubrirá que a linaxe dos apelidos Cervantes e Saavedra procede esta comarca luguesa, onde varios especialistas foron quen de reconstruír a árbore xenealóxica do escritor. Así pois, a falta de novos documentos, é aventurado considerar que Miguel de Cervantes procede de “máis aló dos montes de León”, como el mesmo asegura en “O Quixote”?

Atopar capítulo por: