Luci
Capítulo 4: Regalos dobres
Luci está preocupada porque Berto non deixa de consentir o seu fillo. Nos seus intentos de facer feliz a Hadrián, cómpralle todo o que quere e sen pedirlle nada a cambio.
Chega a data do aniversario do rapaz e este decide celebrar unha merenda na casa de Mon, a moza de seu pai, á que Luci está convidada. Esta ten que arranxar a caldeira e apenas pode permitirse un agasallo para o seu fillo á altura dos que adoita facerlle Berto. Aínda así, cómpralle unha cámara de fotos, pero cando lla entrega a Hadrián case non lle fai ilusión, xa que está demasiado emocionado co agasallo de seu pai: unha viaxe ao parque de atraccións.
Pero xusto a fin de semana que Berto quería ir con el, a Mon entréganlle un premio de poesía, así que Berto pídelle a Luci que acompañe o neno. Aínda que a esta non lle gustan os parques de atraccións, accede a ir con Hadrián.