Pazo de Familia
Capítulo 4
Dona Leonor non sospeita que Nino é algo máis que o chofer da familia nin tampouco que os negocios millonarios que herdou de seu avó están a colgar dun fío. Pero así é. Tras os fracasos encadeados nos intentos de compra dos terreos de Sofía Salgado, César non dubida en enfrontarse persoalmente ao asunto empregando mañas ben distintas.
Mónica, repudiada polo seu pai e afastada á forza do home que quere, entra nunha espiral de destrución que pode ter graves consecuencias. E consecuencias sofre tamén Sara por non atopar colexio para Lolo no exclusivo barrio dos Pardo Veiga. O cativo ten que marchar do carón da súa nai e do seu avó e regresar a Santalla. A interpretación que fai Marisiña é que teñen un mal de ollo e non dubida en seguir os estrambóticos consellos de Tomaso para acabar co feitizo.
A parella xornalística formada por Claudia e Daniel está comezando a funcionar. A grande exclusiva que asinaron en equipo e que apunta directamente ao asasino dos irmáns Meixide así o proba. Como director do Universal, Emilio debátese sobre se apoiar ou non a petición de indulto para un atracador arrepentido que, por non atopar outro xeito de darlles de comer aos seus fillos, nove anos atrás, feriu gravemente un policía.