Pazo de Familia
Capítulo 33
A morte de César vai marcar un antes e un despois no pazo, pero os Pardo Veiga non rogan unha oración pola súa alma. É máis, nin sequera pretenden asistir ao enterro. Daniel afirma que a vida dun home pode xulgarse pola cantidade de persoas que acoden ao seu funeral. No caso de César Pardo, prometen ser poucas. Semella que só Nino e a súa neta Claudia choran a súa morte.
O falecemento do patriarca non só implica cambios para os poderosos Pardo Veiga. Para o servizo doméstico, a chegada de Amancio como mordomo implica moito máis que simples chamadas de atención a Rita, Tomaso e Marisiña. O traballo de Sara pode estar en perigo e, con el, a educación que lle pretende dar ao seu fillo Lolo na capital.
Na axencia de noticias, as cousas non resultan máis doadas. O embarazo de Iria provoca que a relación amorosa entre Claudia e Daniel toque fondo polas constantes atencións que lle presta o publicista á que é a nai do seu futuro fillo.