Matalobos
Capítulo 26: A vella escola
Os outros clans, encabezados por Mateo Veloso, comezaron a tentar aos seus empregados e se o xefe dos Matalobos non reacciona pronto, a familia pode perder a súa posición na vila. Carmelo, desesperado e seguindo os consellos da súa nai, recorreu a Xosé Louro, un antigo socio do seu pai dos tempos do tabaco, agora metido a prestamista. Conseguir diñeiro é a máxima prioridade dun Carmelo para o que o tempo xoga en contra e ao que a necesidade pode xogarlle unha mala pasada. Porque o que o Matalobos non sabe, é que o vello Louro fai anos que se converteu nun confidente da Fiscalía e que agora está ao servizo da xuíza Olaia Mosteiro.
Mentres tanto, o secuestro de Iván Matalobos está alongándose máis do planeado. O que nun principio ía ser un cobro rápido converteuse nunha carreira de fondo. Coa Garda Civil estreitando o cerco sobre os secuestradores. Adriana Calderón e os seu homes veranse obrigados a extremar as precaucións, se queren manter ao fillo de Carmelo no seu poder.
Sara Campos busca unha solución á súa complicada situación sentimental no medio de todos os problemas derivados da desaparición do seu pai. Aínda non se sabe nada sobre o paradoiro de Arturo Campos, nin sobre o do millón de euros que desapareceu con el. E isto, nun lugar no que as débedas non se esquecen así como así, pode traer complicacións. Pedro, farto da presión que exerce no seu matrimonio a familia Matalobos, reúne o valor necesario para enfrontarse a Carmelo e ofrecerlle unha solución que lles permita, a Sara e a el, retomar as rendas da súa vida.