Libro de familia
Capítulo 242: Xúntaos o demo
Manuel e Sara distáncianse ao confesar Manuel que tivera tentacións con outra muller mentres estiveran separados. Sara encáixao pero con certo resquemor. Manuel explícase e ela entende. Deli está preocupada por se Manuel lle revelara a Sara quen era esa muller.
Álvaro, moi disposto, intenta axudar a Elvira nos seus quefaceres e necesidades. Ela móstrase encantada co animal e intenta cambialo un pouco; asealo, humanizalo. Todo isto non deixa a ninguén indiferente, así que o rumor dun affaire Elvira-Álvaro dispárase como a pólvora. Carmiña, obsesionada coas radionovelas, e Elías demostrarán que a relación entre a beata e a besta é real.
Unha camisa, un malentendido, uns celos provocarán que Don Venancio tome partido para resolver tanto asunto turbio.
O compromiso entre María e Marcos fai que Laura invite aos Cabanas a cear á súa casa. Todos viven momentos de ilusión e boas expectativas. Pero sempre hai algo que rompe a harmonía arredor da moza Cabanas.
Os socios do invernadoiro non queren a Pedro como socio. Este presiona a Laura para conseguir o que quere, ela non é capaz de soportalo. Está nas súas mans aceptar a Pedro como socio. Unha negativa fará que Pedro inicie trámites legais contra a cooperativa polas súas responsabilidades no afundimento do barco.