Pazo de Familia
Capítulo 2
Tras a revelación de que don César é pai de Nino, o magnate dos negocios debátese sobre se cumprir ou non a vontade da nai moribunda de ver por última vez o seu fillo. O seu avogado advírtelle que, se o fai, é posible que a historia de que ten un bastardo chegue a oídos de dona Leonor. Pero ese non é o único problema de don César, que decide darlle a Mónica unha última oportunidade para mercar os terreos que están no poder de Sofía Salgado. Pola obsesión amorosa da súa filla con Héctor Fandiño, dubida se é un erro volver confiar nela.
Unha cuestión de confianza é tamén a de Emilio con Daniel, a quen lle pide que non se separe nin un momento da súa filla Claudia, asediada polos homes. Non pode imaxinar que o xornalista xa a asediou o día anterior na súa propia mesa do despacho. Por outra parte, Emilio ten claro que non vai cumprir a vontade de seu pai e facer desde o Universal unha investigación sobre Sofía Salgado co obxectivo de afundila. Ademais do rigor profesional, pode ser que certos sentimentos estean a xurdir nel pola misteriosa muller.
Nino non atura ver a Mónica bicándose con Héctor Fandiño. O chofer, que ignora ser irmán ilexítimo dela, parece capaz de calquera cousa para impedir a súa aventura. Capaz de todo é tamén Rita con tal de encirrar contra Sara. A empregada doméstica non soporta o clima de confidencia que comeza a crearse entre don Emilio e a nova cociñeira.