Serramoura
Capítulo 119: Demasiados segredos
Tras a aparición do corpo de Carlos no pozo do mosteiro, no capítulo desta noite, o posto de mando de “Serramoura” incrementa a presión sobre os monxes da comunidade de Santa Catalina, en que segue infiltrado Quique para resolver o caso. Alí, día a día, parece estreitar a súa relación con Ezequiel, o seu preceptor, un home de Deus que, por algún motivo, podería coñecer o pasado militar do sarxento Bazán. Para contalo, esta noite a serie “Serramoura” trasladará a audiencia ata o conflito balcánico dos anos 90.
Mentres tanto, Raquel segue adiante no seu intento de vender os seus montes. Agora precisa máis cartos ca nunca pois, co seu pai no cárcere, as irmás Neira enfróntanse a un gasto moi elevado en avogados. Pola súa parte, Hugo ve unha oportunidade para que Evaristo faga un investimento e de paso axudar a Raquel na medida do posible, pero aceptará ela a caridade de quen un día foi a súa parella? Para o patriarca dos Fiúza, agora mesmo hai temas máis importantes dos que ocuparse e o primeiro deles é o seu fillo. O que non sabe seu pai é que Román xa se desfixo da pistola que colleu na súa casa, polo que o risco de que se quite a vida parece cada vez máis pequeno. E se hai algunha persoa que axudou á mellora do estado de ánimo do fillo é Luz. Pero, ata onde chega o afecto desinteresado da camareira por Román? porque non se pode esquecer que o seu xefe se chama Evaristo Fiúza.