CRTVG

Buscar

Serramoura

Capítulo 115: Voar polos aires

29/04/2018 22:00 h

No cuartel de “Serramoura” están ante un dos casos máis complicados ao que lle tiveron que facer fronte. Ao secuestro de Rebeca sumouse o asasinato de Marcelo nas propias dependencias do Posto de Mando cando tiña que estar vixiado en todo momento. Por iso, a busca do responsable convértese en prioritario para todos os membros do cuartel agás para Víctor Somoza, que está máis preocupado en poñer impedimentos para que Marga e Diego, contra quen sente unha fonda animadversión, fagan o seu traballo o mellor posible.
Por se isto non fose suficiente, declarouse un incendio nos montes de Raquel. A pesar da rápida intervención dos equipos de extinción, o lume afectou as plantacións de  maior valor, polo que podería quedar sen nada. O curioso do asunto é que a persoa que provocou o incendio é Moncho, o seu pai. Ademais, agora que Raquel está nunha situación tan delicada, dona Teresa non dubidará en aproveitar a ocasión para deixarlle moi claro á nai do seu neto cal é o seu lugar a partir de agora. 
Tras o seu paso pola clínica alemá, Román xa está de volta en Serramoura. Evaristo ten grandes plans para el dentro da empresa familiar, pero todo dependerá de como evolucione a súa recuperación. Pero, pese aos intentos de Román por ocultalo, axiña sairá á luz un problema que podería dar ao traste cos plans de Evaristo: o tratamento podería non ser tan efectivo como se agardaba.
Mentres tanto, Santos segue adiante na instrución de Emilia, a súa protexida, a quen lle está ensinando todas as súas dotes para a delincuencia. Pero a alumna podería ser máis avantaxada do esperado. Axiña comezará a delinquir pola súa propia conta e a establecer as súas propias conexións con delincuentes da zona. 

Atopar capítulo por: