Serramoura
Capítulo 108: As decisións correctas
Marga Neira e Diego Bazán están a punto de vivir o seu momento máis romántico.
Por fin, Marga tomou a iniciativa e declarouse a Diego, un día calquera, no cuartel de Serramoura. Agora, a sarxento agarda paciente unha resposta. Diego ten moi presente todo o sufrido desde que se coñecen, pero ambos os dous saben que o que existe entre eles é moi forte e que chegou o momento de deixar que suceda.
Á terceira podería ir a vencida na vida da parella. Intentárono no capítulo 74, pero a morte finxida dela mantívoos separados ata o seu regreso no episodio 80. Tras un primeiro bico que Diego xa cría imposible, el decidiu afastarse da súa compañeira e protexerse así da dor sufrida. Pero Marga nunca se rendeu e este é definitivamente o momento.
Este capítulo abre unha nova trama na serie, que supón a chegada á ficción dos actores Sergio Pazos e Víctor Mosquera. O primeiro, no papel de Milo, un veciño de Serramoura con serios problemas económicos e incapaz de confesar a súa situación á súa familia. O segundo interpreta o seu amigo Adolfo, empregado da todopoderosa Wodd Corp, acompañarao no devir dos acontecementos.
Pola súa parte, Rebeca López de Longoria segue a impartir a súa lei en Serramoura. Agora que Evaristo se rendeu á súa causa, só precisa acabar con Gloria e o serradoiro dos Soutelo para facerse con todo o negocio madeireiro da vila. Como? Poñendo os veciños da vila na súa contra.
Mentres, na casa dos Fiúza, Román sofre un esvaecemento que o levará ao hospital. Preocupado polo seu futuro, Evaristo fará todo o que Rebeca lle pida, se así consegue que o seu fillo ingrese na única clínica que podería garantizarlle algunha melloría.