Vaia troula
Capítulo 104. Vaia Troula: San Paio
O programa “Vaia Troula” saudará hoxe os espectadores desde A Estrada, onde están a celebrar as festas de San Paio. Estes días a localidade pontevedresa énchese de música e alegría por todas partes, pero o momento máis emocionante é o da procesión de San Paio, que atrae milleiros de persoas á Estrada.
E os reporteiros do programa seguirán, coma sempre, na procura das mellores troulas. Fernando García viaxará a Cartelle para participar nunha xuntanza cabalar. Fátima Mella achegarase a Carballo, onde celebran o tradicional descenso do río Anllóns. E María Carballeira vivirá en primeira persoa a emoción e a devoción da romaría do Santo Hadrián de Malpica.
Ademais, as cámaras de “Vaia Troula” estarán presentes nas festas de Ourense. Na cidade das Burgas haberá actuacións, mercado histórico, bailes, charangas e moitas actividades para toda a familia.
A proposta festeira do espazo da Televisión de Galicia inclúe tamén unha sardiñada na parroquia de Chaín, en Gondomar, e unha gran churrascada para honrar a San Xoán na parroquia de Crespos, en Padrenda.
A Feira do Viño de Barro e o San Xoán de Poio completan o menú de festas para o “Vaia Troula” deste domingo. E, para rematar a troula, nada mellor que as actuacións das mellores orquestras de Galicia.