Miña nai
Programa 1: Sandra, Pepita e Ángeles
A partir deste martes, a TVG renderalles homenaxe a esas mulleres galegas e ás súas familias que son un exemplo de superación e esperanza co novo programa “Miña Nai”, un docushow de 50 minutos de duración que cada semana ofrecerá historias anónimas con testemuños e imaxes familiares insólitas e descoñecidas.
As historias de “Miña Nai” serán contadas en primeira persoa polas protagonistas no seu ámbito, alí onde naceron, viviron ou tiveron que superar algunha dificultade coa que tropezaron no camiño. Esta nova produción de Faro para a Televisión de Galicia rescatará da súa memoria as imaxes e testemuños que permanecen no seu recordo, escoitando os seus pensamentos, sentimentos, medos, esperanzas, ilusións ou frustracións.
Cada programa contará tres historias de superación persoal, introducidas pola presentadora Susana López, que volverán a vista atrás para revivir momentos que fixeron que as protagonistas sexan o que son na actualidade. Elas mesmas actuarán como reporteiras do novo espazo da TVG, que se desenvolve no lugar real onde viven estas heroínas anónimas.
Deste xeito, “Miña Nai” abordará sorprendentes e emotivas historias en que os espectadores se achegarán, a través dos testemuños das protagonistas, ás múltiples e variadas formas en que afrontan a súa vida diaria. Cada nai ten unha historia, á marxe da súa idade, o seu físico, a súa orixe ou a súa formación. Entre elas, hai quen elixiu selo sen parir e para quen ser nai supuxo un cambio radical na súa vida. Algunhas afrontaron a maternidade con valentía. Outras, con dúbidas. Hai nais que serviron como exemplo ás xeracións máis novas e outras que tomaron decisións complexas ou viviron momentos que xamais tivesen desexado.
“Miña Nai” desenvolverase cada semana en calquera localidade galega onde haxa unha historia que pague a pena contar. O programa entrará nas casas das protagonistas, no seu ambiente, e terá como cómplices a xente que as rodea, que forma parte das súas vidas, dando como resultado unha serie de programas apaixonantes e cheos de emoción.
Unha das protagonistas da primeira edición de “Miña Nai” será Sandra, que vive no barrio vigués de Bouzas e que contará unha historia de superación persoal única, xa que chegou un momento na súa vida en que tivo que tomar unha decisión crucial. Quedar embarazada supoñíalle ir perdendo a visión paulatinamente, pero, aínda así, decidiu seguir co seu embarazo, ata quedar cega no momento de dar a luz. Puido sentir as súas fillas xemelgas, pero nunca chegou a velas.
Coma tantas mulleres galegas, Pepita ten que exercer de pai e nai gran parte do ano. Casada co seu home desde hai máis de 30 anos, este anda embarcado e ela é a encargada de sacar adiante a súa gran familia na localidade de Bueu.
Á orde do día está que o desemprego é unha eiva na nosa sociedade, pero se a iso se lle engade ter que sacar adiante un fillo cunha enfermidade das denominadas raras, a vida faise aínda máis difícil. Ángeles e o seu home, que leva máis de dous anos no paro, viven grazas ao soldo desta como traballadora nunha gasolineira de Vilalba e custean os tratamentos do seu fillo coa recollida de tapóns e a colaboración dos veciños.