Fontealba
Capítulo 1
A familia Douro é un niño de víboras. Cando casou con Amalia, Luís, o patriarca, tiña dous fillos da súa primeira muller, Moncha, e iso sempre foi un lastre para a relación, xa que Amalia só pensa en defender os seus intereses e os dos seus catro fillos biolóxicos.
O día da desaparición de Nina, a filla preferida de Luís, o fráxil equilibrio da familia crebouse para sempre. Moitas cousas pasaron desde entón, moitos acontecementos e sucesos que os Douro foron agochando e sufrindo desde aquela. Luís, que nunca puido esquecer a súa filla, foi perdendo a ledicia e co tempo fíxose un home duro e esixente.
Os Douro están a punto de embarcarse nunha loita polo control do patrimonio familiar, xa que Luís acaba de visitar o notario para facer testamento e así garantir a continuidade do imperio que ergueu con moita ambición e ningún tipo de escrúpulo. Tras unha vida de traballo e unha grande capacidade para os negocios, a riqueza familiar non fixo outra cousa máis que medrar. E o repartimento deste patrimonio, cuxo ben máis prezado é un gran manancial que abastece a empresa Hortodouro, vaise converter nunha desapiadada loita pola herdanza.
Así pois, as tensións, os odios e os conflitos emocionais, que se mantiñan ata agora como un volcán en tensa calma, están a piques de estoupar. Nin tan se sequera os amores pasionais que se dan e se darán na familia, os novos nacementos nin as mortes imprevistas serán moitvo dabondo para que a familia Douro esqueza o que, dun xeito ou doutro, está na mente de todos: o control do patrimonio familiar.
Pero, ademais, ante o asombro dos Douro, Nina regresa despois de case dúas décadas sen dar sinais de vida. E faino cun obxectivo moi concreto: poñer en marcha a súa vinganza.