CRTVG

Buscar

Pazo de Familia

Capítulo 1

01/12/2014 22:15 h

Tempo despois da morte de Manuel no último capítulo de Libro de Familia, Sara (Mayka Braña), o pequeno Lolo (Jaime Faraldo) e Cosme Cabanas (Gonzalo Uriarte), deixando atrás o pasado e con el a vila de Santalla, irrompen nun mundo novo, da man de Marisiña (Iolanda Muíños), buscando un sitio onde poder seguir adiante. Este sitio é a luxosa casa dos Pardo Veiga, a familia máis poderosa, admirada e envexada da cidade.

Sara e Cosme chegan a un universo sólido que ten as súas propias regras e o seu propio equilibrio, pero unha vez dentro, non tardan en comprobar que ese equilibrio é moi fráxil e que os Pardo Veiga son un xigante con pés de barro. Sobre todo, cando Emilio (Luís Iglesia), o primoxénito, que nunca se dobregou á vontade do seu pai e escolleu o seu propio camiño como comprometido xornalista; non só se namora de Sara, rebelándose contra unha inminente voda de conveniencia que lle aseguraba á familia un poder aínda maior, senón cando descubra, horrorizado, que o seu pai non é o grande home que aparenta ser, senón un mostro sen escrúpulos, capaz de calquera cousa por preservar o seu imperio.

Sara, como cociñeira, e Cosme, como xardineiro, non tardan en percibir a mesquindade de Rita (Carmen Méndez), a esixencia de dona Leonor (Mabel Rivera) e a altivez da súa filla Mónica (Iria Sobrado). Ademais, na casa non admiten nenos. Que facer entón con Lolo?

Para contrastes, os que existen entre a propia familia Pardo Veiga: o compromiso de Emilio fronte á falta de escrúpulos nos negocios de seu pai, don César (Arturo Zas), é só un deles. A multitude de tramas e localizacións - desde a redacción xornal onde a Claudia (Beatriz Serén), filla de Emilio e neta de don César, e Daniel (Iván Marcos) teñen a súa propia historia, cun posible asasinato incluído, ata o clube de golf onde Emilio accede a verse cunha fermosa e descoñecida muller que talvez teña algo que ver cos millonarios negocios familiares.

Atopar capítulo por: