Zigzag diario
“Bruxa e familia” de Paula Carballeira, “Charamuscas”de Suso Lista e “O Xogo de Babel” de Elena Gallego Abad
O programa “ZigZag Diario” contará hoxe coa presenza no estudio de gravación de Paula Carballeira para falar do seu libro “Bruxa e familia”, que publica Oquelo, novo selo da editorial Santillana dedicado á literatura infantil e xuvenil en galego.
O espazo da tvG2 tamén falará este luns de “Charamuscas”, o terceiro libro de relatos de Suso Lista. Como os dous anteriores, “Xeixos” e “Salseiros”, conta historias da Costa da Morte que se moven entre a fantasía e a máis dura realidade, sempre con humor.
A última protagonista do día será a escritora Elena Gallego Abad, que constrúe en “O Xogo de Babel” unha tentativa de novela romántica, un xénero pouco visitado na literatura galega. Xerais publica este libro, máis complexo ca unha novela rosa, pero cheo de paixón e acontecementos.