Vivir aquí
Botarlle imaxinación
A imaxinación abre moitas portas. Os protagonistas de hoxe do programa “Vivir Aquí” non só a aplicaron aos seus traballos, senón que ademais souberon adaptase ás últimas novidades. É o caso dunha experta en converter os soños en realidade nun dos días máis importantes na vida dunha persoa, o da súa voda, ou dun adestrador que permite que donos e cans se entendan e convivan felices.
Os espectadores da TVG tamén coñecerán unhas veciñas de Moaña que pasarán á historia por crear a primeira marca galega de vaqueiros ecolóxicos e un “arranxa todo” que se fixo co título de “home a tope” e que ademais soubo usar as redes sociais para darse a coñecer.
E tamén hai quen foi máis alá e lle deu unha volta ao clásico negocio da comida a domicilio. Así o fai unha empresa que, cando reciben a chamada do cliente, envíanlle o cociñeiro en persoa a prepararlle a comida.