Zigzag diario
Blanca Cendán / Alfonso Becerra / "O crédito"
O programa “ZigZag Diario”, dedicado, coma cada venres, ás artes escénicas, contará hoxe coa presenza no estudio de gravación da actriz Blanca Cendán, que falará do seu novo espectáculo, “Muller cine”. Xunto con Suso Alonso, métese nos fotogramas do celuloide para dar unha visión da muller no cine ao longo da historia, desde a Lola de Marlene Dietrich no “Anxo Azul” á Dorothy de Judy Garland en “O mago de Ozo”, pasando pola Holly de Audrey Hepburn en “Almorzo con diamantes” e, como non, as mulleres “almodovarianas” e algunha que outra sorpresa do cine galego.
O espazo cultural da tvG2 tamén conversará co dramaturgo, crítico, profesor e director de escena Alfonso Becerra, que acaba de publicar “Textículos dramáticos e postdramáticos”.
Ademais, “ZigZag Diario” entrará nos ensaios da obra “O crédito”, a última peza producida por Eme2 e Tanttaka, que ten como protagonistas os actores Antonio Durán “Morris” e Pedro Alonso. Esta comedia bancaria, que leva máis dun ano conseguindo éxitos en Madrid e Barcelona, estrearase en Pontevedra a comezos de febreiro, tras o que percorrerá os teatros das principais cidades e vilas galegas.