Zigzag-Eirado
Armando Requeixo, David Bowie, cine e Najla Shami e Héctor Lorenzo
O escritor e crítico literario mindoniense Armando Requeixo será o convidado na entrevista que “ZigZag-Eirado” ten prevista para hoxe e que leva por contido a recente publicación do epistolario entre Ramón Piñeiro e Xosé Neira Vilas. Esta novidade editorial achega numerosa documentación e non poucas novidades sobre a relación entre os dous próceres galeguistas, xa falecidos.
Por outra parte, en senso diametralmente oposto, o espazo cultural semanal da tvG2 non podía por menos que preparar unha lembranza á desaparecida icona mundial do pop, o británico David Bowie, desaparecido esta semana en Londres aos 69 anos. No capítulo cinematográfico, os protagonistas serán os filmes “El hijo de Saúl” e “Palmeras en la nieve”, que están a ter unha boa acollida de público e crítica.
Ademais, Moncho Lemos achega esta semana a arte musical da cantante Najla Shami e do guitarrista Héctor Lorenzo, un dúo proclive á combinación de estilos musicais. Najla ten xa a mestura no seu sangue, pois é filla de nai galega e pai palestino. Os dous artistas navegan entre a música do país, a brasileira e o jazz con son moi persoal, en que non faltan poemas de Rosalía ou Valle Inclán.