Vaia troula
Capítulo 103. Vaia Troula: Arde Lucus
Os espectadores da TVG teñen hoxe unha nova cita co programa “Vaia Troula”, que cambia o seu día de emisión aos domingos. Nesta ocasión, Nieves Rodríguez viaxa ata Lugo para retroceder no tempo e participar na espectacular recreación romana do Arde Lucus. Por uns días a cidade das murallas transfórmase na antiga Lucus Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana.
E o equipo de reporteiros do programa percorrerá de novo toda Galicia na procura das mellores e máis animadas festas. Fátima Mella achegarase a Cee para vivir en primeira persoa a devoción polo San Adrián de Toba. María Carballeira pasará unha xornada de intensa troula na Festa da Terceira Idade de Castro Riberas de Lea. E Fernando García será un máis na Feira Histórica do Dezaoito que se celebra en Cuntis. “Vaia Troula” tamén estará presente no anticipo do San Xoán en Cambre e na gran churrascada que organizan os veciños de Folgoso, no concello coruñés de Abegondo.
Ademais, a proposta festeira do espazo da Televisión de Galicia inclúe o Día de Colón na vila pontevedresa de Combarro, unha festa medieval que homenaxea un dos navegantes máis ilustres da historia. Tamén haberá tempo para as lambetadas como o requeixo, que ten a súa propia exaltación gastronómica en Cotobade.
A festa da parroquia de Ardaña, en Carballo, e as actuacións das mellores orquestras completan o menú máis trouleiro da TVG para este domingo á noite.