CRTVG

Buscar

Aquí Portugal

Desde Braga

17/12/2016 16:15 h

As televisións públicas galega e portuguesa emiten simultaneamente desde Braga o programa conxunto “Aquí Portugal”, para unha audiencia potencial de máis de 13 millóns de persoas. As estreitas relacións entre a Radio e Televisión de Portugal e a Televisión de Galicia fan posible a realización dun espazo musical e divulgativo de tres horas en directo, conducido polos presentadores galegos Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernando Montaña, e os portugueses Hélder Reis e Catarina Camacho.

A través do programa, percorremos o patrimonio civil e relixioso de Braga, visitamos os principais restaurantes da cidade para coñecer distintos xeitos de preparar o bacallau e entramos no santuario do Bo Xesús. Trátase dun dos principais atractivos da contorna, que destaca polas súas espectaculares escaleiras barrocas, que permiten superar un desnivel de 116 metros.

Hai tamén destacadas actuacións de orquestras e solistas, coma a do artista JJ Compota y su Ricura, o cantante granadino da orquestra Olympus Javi Mota, a raíña do Pico Sacro Sabela e a cantante de Tui Noelia Solleiro. Ademais,  entrevístanse no escenario a galegos que triunfan en Portugal, coma  Marta González e Aida Gomes, nai e filla, que se dedican, a primeira ao deseño de xoias, e, a segunda, ao mundo da danza, como membro da compañía Backstage, que leva as rúas de Portugal o espectáculo “Christmas Broadway”.

Outras galegas que conseguen éxitos no país veciño son cinco compoñentes do Sporting Clube de Braga, equipo de fútbol feminino de Primeira División, que se atopa nos primeiros postos da clasificación. Andrea Mirón, Carla Álvarez, Paula Domínguez, Claudia García e Natalia Sánchez falan das súas experiencias na liga portuguesa e no equipo de Braga.  

Atopar capítulo por: