Aquí Galicia
Aquí Galicia Tour: romaría de Santiaguiño do Monte de Padrón
Neste 25 de xullo, o programa “Aquí Galicia Tour” achégase ata Padrón, onde se celebra a romaría popular de Santiaguiño do Monte, intimamente ligada á tradición xacobea e á figura do Apóstolo Santiago.
É unha romaría que comeza coa procesión do Santiaguiño desde a igrexa parroquial, acompañada de grupos folclóricos e logo, tras unha hora de camiño, chegan ao monte, onde os romeiros pasan todo o día e xantan a tradicional sardiña con pan de millo, que se reparte de balde entre todos os asistentes.
A presentadora do programa, Lucía Rodríguez, está no monte da romaría, onde fala con Roberto Martínez, párroco de Padrón, Iria Flavia, Herbón e A Escravitude, que conta anécdotas sobre a celebración. Outra das convidadas é Guillermina Vidal, matriarca dunha gran saga familiar que acode todos os anos á romaría. O espazo da TVG fala tamén coa familia Castaño, con Pepe Domingo Castaño á fronte, que tamén é asidua do Santiaguiño do Monte.
Polo demais, o reporteiro Duarte Galbán deambula pola romaría para conversar con todos os asistentes e gozar das atraccións da festa, coma o touro mecánico.
“Aquí Galicia Tour” conecta, ademais, coas Festas do Carme de Queiruga, en Porto do Son, e con Ribeira, onde se celebra a singular e popular Festa da Dorna.