CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Aquí Galicia Tour: Pontecesures

09/07/2018 19:00 h

Despois de máis de 200 sábados percorrendo a xeografía galega, descubrindo os recunchos máis espectaculares e as festas máis concorridas, o programa “Aquí Galicia” non só non marcha de vacacións este verán, senón que estende o seu tempo ás tardes de luns a venres. Bautizado como “Aquí Galicia Tour”, e presentado por Lucía Rodríguez, ten como sintonía “Chegou o momento”, canción coa que Plan Siberia gañou o concurso da canción do verán da CRTVG.
“Aquí Galicia Tour” estará cada tarde en directo nunha localidade galega protagonista desta época estival. Será unha fiestra aberta ao verán, coa participación do público, entrevistas curiosas e actuacións musicais de todo tipo. Nunhas ocasións levarán alí o programa as súas festas e celebracións e, noutras, serán as súas praias ou ríos, punto de reunión de numerosos veciños e turistas, os que o convoquen o programa nesa vila ou cidade. Desde un set instalado na praza central da vila, ou que tamén poderá ser un paseo marítimo ou un parque urbano á beira dun río, Lucía Rodríguez estará acompañada, en todo momento, polos veciños, visitantes e turistas da vila, que tamén participarán de xeito activo no programa.
OO primeiro destino é a vila coruñesa de Pontecesures, que celebra a Festa do Churro, enmarcada nas festas patronais do Carme. O reporteiro Duarte Galbán narra como se vive o ambiente, mentres que Tania Veiras trae reportaxes de como se viviron as festas durante a fin de semana, co tradicional Desfile de Baleiros e a verbena coa orquestra El Combo Dominicano.
“Aquí Galicia Tour” tamén fala do río Ulla, que baña a vila e onde se pescan as mellores lampreas, e coñecerá a actividade das escolas deportivas e da gran cantidade de rapaces que practican piragüismo nas súas augas.
Aínda que o groso do programa se desenvolverá en Pontecesures, tamén hai conexións con Cervo, na Mariña luguesa, onde Pepe Capelán asiste á gran sardiñada que celebran con motivo da Festa de Santa Isabel de Lieiro
Plan Siberia sobe o escenario para presentar a canción que acompañará o programa durante todo o verán; e tamén actúa a agrupación de baile tradicional Algueirada.

Atopar capítulo por: