CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Andrés Fernández-Albalat Lois / Isabel Somoza / Fred Martíns e Uxía

01/02/2015 00:45 h

O arquitecto e profesor Andrés Fernández-Albalat Lois será o protagonista da entrevista que este sábado Tino Santiago manterá no transcurso do espazo cultural semanal da TVG “ZigZag-Eirado”. As obras máis destacadas de Albalat, considerado como o expoñente da arquitectura moderna en Galicia, están recollidas na exposición que estes días está aberta na Coruña. Entre outras, destaca o complexo da fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo), declarado recentemente B.I.C. (Ben de Interese Cultural), e que forma parte da historia de Galicia desde que Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane crearan esta empresa cultural con inequívoca proxección galeguista.

Por outra parte, Mon Santiso desprazouse ata Lugo para coñecer o obradoiro de gravado de Isabel Somoza, que denomina “Aguatinta”. A artista, non só busca alí o seu refuxio creativo para os seus traballos feitos en linóleo, fotogravado, pirogravado ou augaforte, senón que tamén imparte cursos e conta cun espazo expositivo. 

No capítulo cinematográfico de ZigZag-Eirado, Ángel Suanzes achegará información sobre as novas web das series galegas, o documental “Camiño a escola”, e a carteleira da semana. En músicas, Marta Gómez presentará o grupo tradicional “O Trío”, que interpretarán temas con zanfonas, tamén o grupo “Mequetrefe” e as últimas novas sobre o xenial Bob Dylan, condecorado polo presidente estadounidense Barack Obama. 

Na parte musical, pero xa en directo, un dueto para esta semana: Fred Martíns e Uxía, unha incrible mestura entre unha artista galega con vocación atlántica e lusófona cantando cun dos máis renomeados compositores de samba e bossa nova brasileira. Galicia e O Brasil, unha fusión soñada.

Atopar capítulo por: