Galicia percorre sendeiros
Ancares "Fontenamorados" - Cova do rei Cintolo - Pasarela río Mao
Programa semanal en que se percorren tres rutas ou itinerarios galegos de interese paisaxístico, ecolóxico ou natural. O espectador experimentará en primeira persoa a sensación de percorrer unha ruta, ver as paisaxes e falar coa xente que se atope no camiño.
Montaña, bosques, cantís e ríos debuxan a peculiar identidade da xeografía galega. Aínda que a principal forma de percorrer as rutas será a pé ou en bici, o longo das distintas entregas de “Galicia Percorre Sendeiros”, haberá outros medios menos frecuentes (cabalo, piragua, rafting, barranquismo, etc.) que dunha forma ecolóxica acheguen novas sensacións máis próximas á aventura na natureza.
O programa ten a intención de converterse nunha videoguía de referencia para toda a xente a quen lle guste realizar actividades na natureza e por iso achegará datos reais e actualizados sobre todas as rutas que se percorren. Na súa estrea, o programa irá ao concello de Cervantes, no corazón dos Ancares lucenses, na compaña de Alba e José Manuel, afeccionados ao sendeirismo, que coñecen ben estes antigos camiños e adoitan percorrelos en calquera época do ano. Nesta ruta, o equipo de “Galicia Percorre Sendeiros” ascenderá ao pico Fieiró, de máis de 1.600 metros de altitude, e visitará a Fonte dos Namorados.
Con Gonzalo, Rosa e Couto, que pertencen á Federación Galega de Espeleoloxía, o novo programa da TVG adentrarase nas covas do Rei Cintolo, historia viva de Mondoñedo. Grazas ao traballo de moitos exploradores, co paso do tempo foise trazando unha topografía laberíntica que medra constantemente. Con case sete quilómetros explorados, é a cova máis grande de Galicia.
O programa pecharase viaxando á Ribeira Sacra, que, pola súa abrupta xeografía, a súa escasa densidade de poboación e o seu microclima, é unha contorna privilexiada para a práctica do sendeirismo e o contacto coa natureza. Na parroquia de San Lorenzo de Barxacoba, no concello de Parada de Sil, percorrerase a peculiar ruta das Pasarelas do Río Mao, que aínda que non tan coñecidos coma os do río Sil, forma espectaculares canóns.