Eirado
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
A edición deste sábado do programa "Eirado" estará dedicada a Afonso Daniel Rodríguez Castelao, de cuxo nacemento se celebra mañá o 125 aniversario. O espazo da tvG2 afondará na figura deste polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte e político, cuxa obra sempre reflectiu o seu compromiso co galeguismo. Para isto, contará coa axuda do intelectual e xornalista galego Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao; e do profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago Henrique Monteagudo, un experto no escritor de Rianxo.
O programa presentado por Pemón Bouzas achegarase a algunhas das anécdotas máis curiosas de Castelao, como a súa participación na película "Miss Ledya", o primeiro filme de ficción galego que se coñece, dirixido en 1916 por José Gil. Ademais, "Eirado" percorrerá hoxe os lugares máis emblemáticos de Santiago que marcaron a vida académica de Castelao e visitará o museo Provincial de Pontevedra, onde falará co seu director, Xosé Carlos Valle, quen explicará o labor que desenvolveu o galeguista para a creación deste institución clave para o desenvolvemento artístico e cultural da provincia.
Por outro lado, na sección dedicada á actualidade cinematográfica, Moncho Lemos e Ángel Suanzes analizarán as candidaturas á 83 edición dos Premios Óscar, onde destaca a candidatura de Javier Bardem como mellor actor polo seu traballo en "Biutiful".
O "Eirado" desta noite contará, como cada sábado, con música en directo, neste caso a do gaiteiro Rafa Crespo, quen interpretará dous temas emblemáticos da historia musical galega: "Antiga marcha do reino de Galicia" e "Negra sombra".