CRTVG

Buscar

De quen vés sendo?

Alcumes

26/01/2014 15:30 h

O espazo “De quen vés sendo?” emprenderá este domingo unha viaxe na busca de alcumes e que mellor lugar para iniciar a súa andaina que A Illa de Arousa e O Grove, onde a rechamante repetición de apelidos fixo preciso que os seus habitantes tirasen de sobrenomes para poder diferenciarse os uns dos outros.

Así, na Illa, Julián do Carallada falará dos bateeiros e Helena a do Moreno amosará un bar cun estraño nome. A curiosa presentadora, Marta Doviro, tamén coñecerá unha parella de irmás que levan o oficio no alcume e unha Meca que nada ten que ver co islam. Xa no Grove, embarcará cun grupo de estudantes autores dun dicionario de alcumes ou chatas, como lles chaman alí, e encontrarase con Patricia Chachero para coñecer algúns negocios aos que tamén decidiron bautizar cun sobrenome.

O programa da TVG comprobará que isto dos alcumes non é só cousa de illas e achegarase a Guitiriz en día de feira. Alí falaranlle do Voceiro dos Vilares, que inclúe unha peculiar guía telefónica cos nomes das casas, no canto dos apelidos dos seus moradores, e coñecerá a Obdulia, da casa de Guinea; e a Luis do Vicentiño.

Nesta edición, os espectadores tamén saberán de quen vén sendo a xente de Ribadeo e viaxarán a Pontedeume, onde Carlos Fornos amosará o seu particular “zoolóxico”, con alcumes como A Buxata ou o Pito. Pola súa parte, Fernando Barallobre dará a coñecer outros sobrenomes desta fermosa vila medieval. E, se de alcumes se trata, os galegos bautizamos ata estradas, como é o caso da “Ruta do Grelo”, o tramo da N-550 entre Sigüeiro e Ordes.

Atopar capítulo por: