CRTVG

Buscar

O país máis grande do mundo

Achegámonos ata Río de Xaneiro, Xenebra, Frankfurt e Nova York

09/02/2016 22:30 h

O equipo do programa estará no Río de Xaneiro cun coruñés empregado de banca, Julio Rey; e en Venecia cunha luguesa estudante de Belas Artes, Teresa García-Boente. 
Ademais, “O país máis grande do mundo” viaxará a Xenebra para coñecer a Cristina Lourido, unha filla de emigrantes galegos da Cañiza que viviu separada dos seus dous irmáns, que quedaron en Galicia cos avós. Os espectadores saberán como é o seu día a día no país suízo. 
O programa presentado por Rodrigo Vázquez seguirá a contar historias de ida e volta, como a de José Pérez, que pasou máis de 40 anos na Alemaña ata que retornou ao seu Sarreaus natal hai uns 8 anos, cunha maleta chea de lembranzas e anécdotas. Pérez contará como eran aquelas viaxes dos emigrantes con contrato de traballo e tamén como gañou a vida traballando nunha fábrica de salchichas na cidade de Frankfurt. 
Ademais, o programa mirará cara a Panamá, onde vive Luz B. López, unha filla de emigrantes galegos de Boborás. Grazas ao seu videodiario, os espectadores descubrirán un país de contrastes e o seu pequeno recuncho galego no país panameño. 
Ofrecerase tamén unha reportaxe sobre a vinculación entre a emigración á Arxentina e o tango, un calmante para o corazón de todos aqueles galegos que botan de menos o país americano. E tamén se contará a historia que hai detrás da fotografía máis coñecida da emigración galega: a protagonizada por Jesús e Antonio Mallón no porto da Coruña alá polo ano 1960, pouco despois de perder o barco que ía levar un deles a Venezuela. 
Entre outras moitas historias, “O país máis grande do mundo” estará tamén en Nova York coa reporteira Aida Bao, que foi coñecer unha actriz galega que leva ano e medio na cidade dos rañaceos, Mar García. Ademais, o programa celebrará a entrada no Ano Novo Chinés cun rapaz da Serra de Outes, Marcos Seage. 

Atopar capítulo por: