Galicia 112
Accidentes no rural / Novidades do caso Asunta / Reconstrución do crime do Umia / Vertedoiro incontrolado
“Galicia 112” falará esta semana dos accidentes no rural. Durante a última década, as cifras oficiais de sinistros laborais con tractor en Galicia ascenden a unha ducia de mortos e uns 200 feridos graves, pero a realidade é outra, xa que entre o 80 e o 90% dos accidentados non aparecen nas estatísticas porque as vítimas non están en réxime agrario. O programa achegará esta noite datos de mortes causadas por accidentes de tractor, perfil das vítimas, cuestións e requirimentos para ter e empregar un tractor, imprudencias, a ITV destes vehículos, os accidentes máis habituais, e a realidade destes sucesos no rural.
Un mércores máis, o espazo que presenta Beatriz Pino avanzará as novidades do caso Asunta, as últimas conversas entre os pais e a filla e as propias entre o matrimonio.
O programa “Galicia 112” reconstruirá amais nesta edición o crime do Umia, acontecido en xullo do ano 2011. O corpo sen vida dun mozo aparecía no encoro do río Umia. No lugar do crime apenas se atopa nada que poida axudar á investigación, o único claro é que hai evidencias dunha morte violenta… Un crime sen resolver? A irmá do home asasinado, Sara Monteagudo, estará no programa para falar do caso.