CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (20/12/2011)

20/12/2011 17:15 h

O programa “A Solaina” achegarase hoxe en directo ao centro comercial As Termas, en Lugo, para saber como os galegos apuran as últimas compras de Nadal, como está a transcorrer a campaña para o comercio e se se está a notar a crise á hora de encher o carro da compra. Os reporteiros do programa tamén visitarán a pista de xeo que está instalada neste centro durante as festas.

    O espazo da segunda canle da Galega contará coa presenza no estudio do experto en cans Octavio Villazala, quen falará dos alimentos e preparacións máis adecuados para os animais e comentará tamén a achega do libro “El perro gourmet”, que recolle 31 receitas para cans de José Luís Ramírez, Poni.

    “A Solaina” tamén terá como convidadas as xemelgas Belén e María Cao, que con só 18 anos acumulan unha ampla experiencia como actrices, reporteiras e modelos fotográficas e que xa son coñecidas entre os directores de cine e actores galegos como “as xemelgas Olsen galegas”.

    Por outro lado, os espectadores da tvG2 tamén terán hoxe unha sorpresa, xa que o programa establecerá unha videoconferencia coa casa de Papa Noel en Laponia. Ademais, “A Solaina” contará cunha exhibición de cupcakes, falará do acollemento familiar, descubrirá como é hoxe en día o traballo dos tecedores modernos e comprobará as vantaxes de facer a compra nun economato.

Atopar capítulo por: