CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (17/02/2012)

17/02/2012 18:00 h

O programa “A Solaina” chega esta venres a unha nova cita cos espectadores da TVG cun seguimento da conta atrás para a voda do ano en Galicia: a de Marta Ortega, filla do propietario de Inditex, que se celebrará mañá no Pazo de Drozo, na localidade coruñesa de Cambre.

 O magazine das tardes da Galega contará coa presenza no estudio do fotógrafo Jacobo Gayo, que desenvolve o seu labor profesional no mundo do retrato e da reportaxe social e que explicará como se cobre graficamente un evento destas características. Tamén se achegará hoxe a “A Solaina” a organizadora de vodas Marilé Fernández, quen está a impartir en Marineda City un seminario dirixido aos noivos que estean a planificar o seu enlace. A “wedding planner” explicará a mellor maneira de organizar unha voda, os erros máis comúns, os tipos de cerimonia, o protocolo e as últimas tendencias.

 Ademais, o programa establecerá unha conexión telefónica co Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, cuxos alumnos, estudantes do último curso da especialidade de Servizo de Mesa, foron recrutados para o banquete de voda de Marta Ortega. “A Solaina” tamén falará cos propietarios do restaurante Casa Celia, situado preto do pazo onde terá lugar o enlace, que coñecen o home máis rico de España e a súa familia.

 Ademais de estar pendente deste evento social de primeira magnitude, “A Solaina” daralle a benvida oficial ao Entroido desde Xinzo de Limia, un dos vórtices do triángulo máxico ourensán. Os reporteiros do programa asistirán ás actividades programadas esta tarde para os máis pequenos, como un espectáculo de humor, malabarismo, novo circo, acrobacia e clown e un concurso infantil de disfraces. O espazo da Televisión de Galicia achegarase tamén a Pontevedra, onde hoxe arranca o Entroido coa chegada do Rei Urco e a lectura do pregón.

Atopar capítulo por: