A Solaina
A Solaina (14/11/2011)
No Día Mundial da Diabetes, o programa “A Solaina” estará en directo na Praza do Toural de Santiago de Compostela, onde durante toda a xornada permanecerá instalada unha carpa para realizar tomas de sangue a analizar se as persoas padecen esta enfermidade. Os reporteiros da Galega falarán con Teresa Lord Rodríguez, autora de “Cocina tradicional gallega para diabéticos”, onde ofrece receitas económicas e doadas para facilitarlles a vida ás persoas con esta doenza.
O espazo da TVG recibirá a visita no estudio de parte do equipo da película para televisión “Outro Máis”, coproducida pola Galega e Filmanova, xa que hoxe se estrea no Festival Cineuropa en Compostela. Dirixida por Ricardo Llovo, conta como protagonistas con Marta Larralde e Fran Peleteiro. Rodado no litoral coruñés, o filme conta o que sucede nunha vila da costa galega cando unha marea negra afecta ao seu medio de vida e ás relacións entre os seus veciños.
“A Solaina” tamén conversará esta tarde coas escritoras noveis Irene Castelos e Cristina Prieto, dúas ferrolás de 17 anos con varias obras xa publicadas e que acaban de presentar a súa primeira novela escrita xuntas, “Almas Opuestas”.
Por outro lado, coa axuda do cociñeiro Víctor Gómez, o programa recomendará varias receitas de repostaría con castañas. Unha ruta coas mariscadoras de Cambados e a visión particular de Tonhito de Poi sobre o derbi galego entre o Deportivo e o Celta completan hoxe as propostas de “A Solaina”.