A Solaina
A Solaina (05/01/2012)
O programa “A Solaina” ofrecerá hoxe unha edición especial dedicada integramente á chegada dos Reis Magos a Galicia. Nunha tarde tan especial para os pequenos da casa, chea de ilusión e de maxia, o espazo da TVG seguirá en directo algunhas das principais cabalgatas na nosa comunidade, ademais de estar pendente dos preparativos doutras.
No especial deste ano na Televisión de Galicia será protagonista a cabalgata de Ourense, que será ofrecida en directo. Desde alí informarán os reporteiros Ricardo Pardo e Juan Fuentes, que, convenientemente vestidos, actuarán de paxes das súas maxestades e formarán parte da comitiva que percorrerá as rúas da cidade.
“A Solaina” tamén conectará en directo coa localidade pontevedresa de Bueu, desde onde, da man de Natalia Penas, seguirá o transcurso dunha cabalgata organizada polos propios veciños. Unha das encargadas de amenizar a comitiva será a agrupación Tarantela Rabuda, que interpretará en directo unha rumba para os telespectadores, que tamén poderán coñecer o curioso belén de papel que se puido visitar durante estas festas.
Ademais, a Galega será testemuña da chegada dos Magos de Oriente a Ribadeo, onde, ao tradicional percorrido de Melchor, Gaspar e Baltasar, sumarase a Escola de Música de Ribadeo, a Banda de Trompetas de Viveiro e das bandas de gaitas de Tapia de Casariego e de Ribadeo. O reporteiro David Espiño será o encargado de narrar todo o que aconteza na localidade lucense.
O espazo da TVG ofrecerá tamén amplas reportaxes sobre os preparativos e o transcurso das cabalgatas que esta tarde encherán de cor as rúas de Lugo, Vigo e Santiago de Compostela.
O programa especial conducido por Sevi Martínez e Beatriz Manjón, que hoxe ampliará a súa duración, recibirá tamén a visita no estudio de gravación dos Reis Magos, que serán entrevistados por dous nenos de cinco anos de idade, Nicolás e Ainé, que lles consultarán ás súas maxestades todas as súas dúbidas e lles farán peticións de agasallos.
Nesta véspera de Reis, “A Solaina” achegarase tamén a unha das tradicións máis populares do Nadal galego: os cantos de Reis, que teñen como obxectivo recoller o aguinaldo dos veciños. O programa asistirá en Palas de Rei á representación dun destes relatos cantados, que constitúen un rico patrimonio oral e que tiñan no rural o seu hábitat natural. No estudio de gravación, tamén cantarán os Reis os colaboradores Capelán e Felicia e a agrupación Charamela, de Boimorto.
A repostaría propia destas datas tamén terá un oco no programa especial desta tarde, en que André, o cociñeiro de “Comando Chef” e a “larpeira” Leni prepararán un roscón de Reis que será degustado polos presentadores, colaboradores e convidados de “A Solaina”.