Momentos G
A serie '3 camiños', producida por TVG, obtivo unha mención especial no apartado de Entretemento e Ficción
A produción da Televisión de Galicia, ‘3 camiños’, foi recoñecida nestes premios europeos do audiovisual, cunha mención especial na categoría ‘Entretemento e ficción’, que recolleu o director de TVG Fernando Ojea.
Emitida no verán de 2021 na TVG, a serie ‘3 camiños’ é unha coprodución internacional de 8 capítulos que fomenta e difunde o fenómeno xacobeo e os valores do Camiño de Santiago, e que está protagonizada polos actores Álex González e Verónica Echegui, ademais dun elenco internacional encabezado por Andrea Bosca, Anna Schimrigk e Alberto Joo Lee.
Os Premios CIRCOM Regional son organizados por CIRCOM, entidade que reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos e este ano entregáronse nunha gala na cidade irlandesa de Galway.
Segunda vez en catro anos
É a segunda vez en catro anos que a CRTVG acada o premio ao Novo Talento en Pantalla logo de que en 2019 o galardón recaera na xornalista Alba Mancebo. Os Premios CIRCOM foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A CRTVG obtivo outros galardóns neste certame, o último en 2020 para o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría ‘Minorías en sociedade’. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.