Zigzag diario
A relación con Manuel María de “Mini” e “Mero”, “Nenaespiraes” de Tamara Andrés e Emilio Rúa
O programa “ZigZag Diario” contará este luns coa presenza no estudio de gravación dos músicos Xosé Luis Rivas, “Mini”, e Baldomero Iglesias, “Mero”, para falar da súa relación co escritor chairego Manuel María. Eles contribuíron a espallar coa música os versos do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O espazo da tvG2 ofrecerá tamén unha reportaxe sobre a poeta Tamara Andrés e a súa primeira edición poética en solitario: “Nenaespiraes”. Con esta obra gañou o concurso convocado pola Agrupación Cultural "O Facho" en 2015.
“ZigZag Diario” falará tamén do músico ourensán Emilio Rúa, que hoxe presenta as súas novas cancións no Salon Teatro de Compostela. Seis discos no mercado, o último “Querida Alegría”, e moitos anos no mundo da música avalan este cantautor de gran proxección.