Letras Galegas
Capítulo 2: A pegada política
Céntrase nos anos en que Francisco Fernández del Riego comeza os estudos universitarios e inicia a súa militancia política e cultural no galeguismo.
Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu é unha serie documental de seis episodios sobre o intelectual ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023, producida pola propia e institución e realizada pola produtora Miramemira co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.
A narración avanza ao longo dos seis episodios coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de Del Riego.